Outro ano mais, comeza a tempada de pesca nos ríos galegos. A golpe de 17 de marzo tomaremos os equipos que levan dende setembro agochados no fondo do trasteiro, para poñelos a punto e buscar a tan ansiada captura. A dama do río amósase esquiva ante os engados dos máis expertos pescadores, que non por elo deixan de acudir á tan ansiada cita, coa ilusión de encher os cestos e darse unha homenaxe na mesa aderezada con unto e xamón. Outros buscarán a emoción da picada, deixando logo que o froito do seu esforzo volva á auga para repetir o proceso o ano que ven, desta volta con un peixe que, grazas á xenerosidade do pescador, será mais grande, mais esquivo, e loitará con mais forza.
Pero ós bos pescadores, xa sexan miñoqueiros, chatarreiros ou mosqueiros; xa sexan practicantes de pesca sen morte ou de pesca ó "cesto", sabemos que existen unhas normas que debemos cumprir. Así pois, deixo o enlace á normativa que rexe a pesca en Galicia no ano 2013, que edita a Xunta de Galicia, para que ningún usuario de cana e carrete caia na desinformación e por "erro" acabe con mais peixes no cesto que os permitidos, ou con aqueles que non dan a medida. Só se coidamos os ríos e embalses hoxe, poderemos seguir desfrutándoos mañá.
Boa pesca a tod@s!!